Xeira

Transcripción

Xeira
Antonio Palacios: Obra
no Val Miñor
As Xeiras do IEM
Verán 2011
Mércores, 17 de agosto de 2011
Hora: 18,00
Saída do Templo de Panxón
Antonio
Palacios: Obra
no Val Miñor
Guía:
Xosé Ramón Iglesias Veiga
Guía:
Xosé Ramón Iglesias Veiga
A Xeira Alén Miñor
Santa Tegra e A Guarda
Guía: Xosé Lois Vilar
Venres, 19 de agosto
Hora: 22,00
Saída da Casa de Cultura de A Guarda
A Xeira que vén:
O Pazo do Conde de Gondomar
Guía: Antonio Soliño
Mércores, 24 de agosto
Hora: 18,00
Saída do local do IEM
Avda. da Feira 10, baixo, Gondomar.
36390 Gondomar
Apartado de Correos 30
www.minhor.org
Colaboran:
Baiona
A SINGULAR ARQUITECTURA DE ANTONIO
PALACIOS NO VAL MIÑOR.
Antonio Palacios (O Porriño, 1874 – Madrid, 1945) é un dos últimos grandes
representantes da arquitectura de tradición ecléctica en España, responsable en
parte da transformación de Madrid en cidade moderna e cosmopolita. Despois
de obter o título nesa cidade en 1900, pronto alcanza os primeiros éxitos
profesionais. En 1904 gaña o concurso para a construción do Palacio de
Comunicacións da praza da Cibeles, cun traballo asinado co seu compañeiro
Joaquín Otamendi Machimbarrena. Como consecuencia xorden outros
importantes encargos como o Hospital
de Maúdes (1908) e o Banco Español
do Río da Prata (1909, hoxe sede
central do Instituto Cervantes). Con
esta última obra o arquitecto porriñés
introduce unha nova tipoloxía de
edificio comercial, de grande éxito nos
inicios do século XX, que reflicte unha
mirada á arquitectura americana
derivada da Escola de Chicago. A
influencia deste tipo de edificio
percíbese en moitos dos seus
compañeiros, incluídos os galegos Rafael González Villar, Manuel Gómez
Román, Jenaro de la Fuente Álvarez, Eduardo Rodríguez Losada, etc. A súa
arquitectura metropolitana culmina en Madrid co proxecto do Círculo de
Belas Artes, (1919-1926), unha proposta que nalgúns aspectos se aproxima ao
ámbito do art déco. En Madrid actúa tamén como arquitecto do Metro,
deseñando dende 1917 as estacións da primeira liña. Interesouse tamén polo
urbanismo, con proxectos para Madrid, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago
de Compostela, etc. A pesar do traballo dedicado a esta faceta, no campo
urbanístico foi onde menos logros alcanzou, xa que as súas propostas
quedaron no papel.
En Galicia deixa Antonio Palacios obras tan emblemáticas como a Fonte do
Cristo, Botica Nova e o edificio do Concello (O Porriño), teatro García
Barbón (Vigo), edificios do balneario de Mondariz (agás o Gran Hotel,)
Pavillón de Recreo (Santiago de Compostela), Central Eléctrica do Tambre en
Noia, Igrexa da Veracruz do Carballiño, etc. Unha boa parte desta arquitectura
encádrase dentro da tendencia rexionalista, unha vía expresiva asumida de
forma moi persoal por Palacios, coa que tenta enlazar coas tradicións
construtivas galegas, paisaxe, materiais propios, etc., no momento no que se
está producindo a afirmación do sentir galego trala creación das Irmandades
da Fala en 1916. Antes de tomar este camiño, froito dunha aproximación
nostálxica e sentimental ao ambiente cultural do galeguismo, xa proxectara
para a vila de Baiona o monumento da Virxe da Rocha: unha proposta
emblemática e plena de referencias simbólicas, na que están presentes
contidos relacionados coa historia local. No val Miñor deixou tamén exemplos
da súa orixinal proposta de acentos rexionalistas. Unha arquitectura da
emoción, que busca convertese en emblema do lugar no que se empraza..
VIRXE DA ROCHA.
O monumento da Virxe da Rocha (1909) de Baiona é paradigma do carácter
simbólico e emblemático de parte da produción de Antonio Palacios, sobre
todo daquela que se afasta do centro cosmopolita da cidade. Neste monumento
acumula Palacios unha serie de contidos relacionados coa historia local.
Ademais de representar á Virxe como guía e protectora dos homes do mar,
simboliza a electrificación de Baiona e sobre todo o feito histórico de ser esta
localidade a primeira en ter noticia do descubrimento de América coa arribada
da Pinta. As obras inícianse o 18 de setembro de 1910, pero sofren
considerables atrasos por dificultades de financiamento, ao ser unha obra
sufragada por subscrición popular. O proxecto orixinal posuía unha serie de
elementos ornamentais que lle conferían ao monumento un cromatismo que
tendería ao branco. Palacios prevía utilizar mosaicos, elaborados con pelouros
de varias tonalidades, mesturados con cuarzo branco, que cubrirían totalmente
o dengue da Virxe, así como partes da túnica en franxas verticais. Estes
mosaicos complementarían a parte escultórica de mármore de mans e rostro
da Virxe, que executou Ángel García
Díaz, escultor que colaborou con Antonio
Palacios en diversas obras madrileñas. O
monumento inaugurouse o 14 de setembro
de 1930, vinte anos despois da colocación
da primeira pedra, perdendo neste longo
proceso construtivo algunhas das súas
iniciais
propostas
decorativas.
O
monumento está concibido como unha
grandiosa escultura que mira paciente ao
mar, presentando a túnica e dengue unha
serie de pregues de sinuosa molduración
que describen suaves e onduladas curvas
de sabor modernista
TEMPLO VOTIVO DO MAR.
PANXÓN.
Templo proxectado en 1932 e inaugurado
en 1937 que co paso do tempo se
converteu no emblema arquitectónico da vila de Pánxon. É ademais
exemplo significativo da proposta rexionalista de acentos galegos que
Antonio Palacios comeza a definir cara ao ano 1918 cos proxectos do
Templo da Encarnación de Celanova, Concello do Porriño e Central
Eléctrica do Tambre. Dentro desa proposta de arquitectura
rexionalista de contidos vernáculos é a primeira obra construída de
temática relixiosa, posto que os proxectos anteriores dos templo da
Encarnación de Celanova (1918) e da Paz de Vigo (1930) quedaron
no papel. Neste tipo de obra ligada ao vernáculo Antonio Palacios
acentúa o carácter emblemático e poético da súa arquitectura,
recollendo certas tradicións construtivas galegas e dirixindo a mirada
ao mundo medieval. Referencias que pasan a un segundo termo ante
un peculiar primitivismo expresionista, marcado pola presenza de
fortes volumes e polo tratamento rudo e brutalista do granito. Ese
carácter rudo e primitivista, contrasta coa riqueza cromática e
texturial do interior, no que destaca a experimentación con diversos
materiais: mosaicos de anacos de azulexos de vivas cores, granito,
lousas de pavés, etc. Como noutras obras de acentos rexionalistas de
Palacios neste templo intúese a fusión de diversas referencias: unha
mirada á metodoloxía doutros creadores como Gaudí ou Richardson,
fragmentos soltos de teóricos como Ruskin, trazos do gusto
pintoresco de tradición inglesa, miradas ao primitivismo doutros
artistas galegos da época, como Asorey, etc. En relación coas fontes
de inspiración, o arquitecto porriñés afirma que segue a expresión dos
templos galegos e do norte de Portugal do século XII e a
reconstrución da imaxe medieval da catedral de Santiago efectuada
por Kenneth John Conant no seu estudo deste templo. A proposta do
proxecto partiu do propio Palacios ao coñecer o arco triunfal
visigótico do presbiterio da vella igrexa de Panxón. O arquitecto
porriñés propón que se conserve conxuntamente coa ábsida,
comprometéndose a trazar os planos da nova igrexa.
VIVENDAS RESIDENCIAIS DE PRAIA AMÉRICA.
En Praia Lourido (hoxe América) deixa Palacios dúas magníficas
mostras da súa proposta de vivenda residencial de carácter
rexionalista. Proposta que segue unha liña distinta á de Gómez
Román inspirada no barroco de placas e na arquitectura de pazo,
como se comproba na propia contorna de praia América. Na década
de 1920 proxecta para o caricaturista madrileño Sileno un chalé que
entronca coas tradicións construtivas galegas, se ben mestura algún
elemento foráneo como un granítico miradoiro, tipo bay-window, que
mira á praia. A importancia dada á forte expresividade do rudo muro
de cachotería galego na definición plástica da proposta rexionalista de
Palacios chega ao seu punto álxido no chalé de Celso Méndez (cara
ao ano 1930). Nesta pequena e singular obra os paramentos son
elaborados con cachotes de granito sen tallar, colocados no muro tal
como veñen da canteira, alcanzando o conxunto unha gran riqueza
texturial e cromática. Esta pequena obra pon de manifesto como a
proposta rexionalista de Palacios se afastou da copia e do pastiche,
camiñando pola senda da investigación e da creación persoal.