Untitled - Medio Rural

Transcripción

Untitled - Medio Rural
CARBALLO DA CASA GRANDE
Medra este singular e monumental carballo na Praciña do Carballo, en situación privilexiada, con amplo campo
visual e sen competencia doutras árbores.
O tronco, de grandes dimensións, con máis de 7 m de perímetro normal, medra sen ramificar ata 3,20 m de altura,
malia que algunhas cicatrices e tronzaduras nos indican que a altura de ramificación era máis baixa no pasado; de
feito o fuste aínda conserva un gran toco baixo a cruz, testemuña da presenza pretérita dunha rama de grandes
dimensións.
Da cruz xorden os brazos en disposición case radial, formando unha copa de fermosa feitura e grandes dimensións,
cun diámetro de case 30 m.
O seu estado sanitario é bo, aínda que a limpeza da ramaxe morta e seca que hai na copa melloraría o seu
impresionante aspecto.
Nome común: Carballo da Casa Grande
Nome científico: Quercus robur L.
Provincia: Lugo
Concello: Carballedo
Parroquia: Casa Grande
Lugar: Casa Grande de Loureiro
GALICIA
Altura: 26,40 m
Perímetro normal: 7,07 m
Diámetro de copa: 29,55 m
Idade estimada: 250-500 anos
CARBALLO GRANDE DO MESTRE
Carballo de extraordinarias dimensións situado a carón da estrada nacional ao seu paso pola localidade do Barrio.
O tronco bifúrcase a 2 m de altura sobre do chan, pero desde a base ata esa altura o fuste atópase completamente
fendido á metade, o que reduce notablemente a estabilidade do exemplar, que amosa unha voluminosa e pesada
copa.
As dúas ramas que saen da cruz amosan similar feitura e medran inclinadas formando unha impresionante copa
que colga en gran parte sobre a estrada, o que incrementa o perigo potencial de posibles desprendementos.
O estado sanitario é deficiente, con grandes áreas defoliadas e ramiñas secas na copa. Polo xa comentado, este
exemplar debería ser obxecto dun estudo biomecánico urxente que aclare a súa estabilidade.
Nome común: Carballo grande do Mestre
Nome científico: Quercus robur L.
Provincia: Lugo
Concello: Carballedo
Parroquia: O Barrio
Lugar: A carón da estada N-540
GALICIA
Altura: 26,60 m
Perímetro normal: 6,40 m
Diámetro de copa: 21,55 m
Idade estimada: 250-500 anos
CARBALLO GRANDE DE REBOREDA
Medra este carballo monumental na zona perimetral do bosque, a carón da estrada, polo que a súa localización é
moi doada.
O tronco, cun perímetro basal de 7 m, non se ramifica ata unha altura de 3,80 m, onde comezan a aparecer as
primeiras pólas, pero as ramas máis corpulentas non se forman ata os 6,50 m.
A copa é globosa e ben conformada, de grandes dimensións, 26 m de diámetro, e moi frondosa.
O seu estado sanitario é bo, non observándose ocos nin podremias no tronco, nin o ataque de ningún patóxeno.
Nome común: Carballo grande de Reboreda
Nome científico: Quercus robur L.
Provincia: Ourense
Concello: A Porqueira
Parroquia: Reboreda
Lugar: Bosque de Caraveleira
GALICIA
Altura: 27,80 m
Perímetro normal: 5,10 m
Diámetro de copa: 26 m
Idade estimada: 100-200 anos
CARBALLO FASTIXIADO DO PAZO DE SANTA CRUZ
O cultivar “Fastigiata” do carballo pedunculado caracterízase pola ramificación principal ascendente e próxima ao
tronco, formándose unha copa recollida, de reducido diámetro, cilíndrica, cónica ou fusiforme.
O monumento vexetal crece na entrada ao viveiro, nunha localización privilexiada, con gran campo visual, sen
competencia e maniféstase en todo o seu esplendor. O recio e robusto tronco ramifícase pronto en ramas ascendentes
que lle procuran un porte columnar, maxestoso, típico da variedade.
A base do tronco está poboada de contrafortes para suxeitar a súa espectacular estrutura. As primeiras ramas
fórmanse a 2,30 m de altura sobre do chan, onde se sitúa a cruz, que non será a única ao longo do fuste. Destas
cruces saen ramas en disposición radial, as cales comezan axiña a medrar verticalmente, configurando unha copa
columnar de grandes dimensións.
Salvo algúns ocos con podremias na base do fuste, o seu estado sanitario é excelente e a súa morfoloxía abraiante.
A árbore atópase no terreoagrícola do pazo, importante representación do xardín hortícola, admirado non soamente
no ámbito territorial galego.
Nome común: Carballo fastixiado de Pazo de Santa Cruz
Nome científico: Quercus robur L. Fastigiata
Provincia: A Coruña
Concello: Vedra
Parroquia: Ortigueira
Lugar: Pazo de Santa Cruz de Ribadulla
GALICIA
Altura: 31,20 m
Perímetro normal: 4,13 m
Diámetro de copa: 15,65 m
Idade estimada: 100-150 anos
CARBALLO FASTIXIADO DO XARDÍN HISTÓRICO DE PADRÓN
A base do tronco, provista de grandes contrafortes para robustecer a súa ancoraxe ao chan, ofrécenos un perímetro
de 6,35 m, que se reduce onde rematan os contrafortes a 3,50 m.
O tronco permanece indiviso e sen ramificar ata 3,80 m de altura, cando se forma a cruz, da que nacen as ramificacións
que configuran unha copa piramidal-columnar que acada unha altura de 25,70 m e un diámetro de 14,40 m.
O seu estado sanitario é bo, aínda que amosa o tronco cicatrices derivadas de labores culturais deficientemente
realizados, pero que en ningún caso comprometen a integridade desta maxestosa, singular e monumental árbore.
Nome común: Carballo fastixiado do Xardín Histórico de Padrón
Nome científico: Quercus robur L. Fastigiata
Provincia: A Coruña
Concello: Padrón
Parroquia: Padrón
Lugar: Xardín Histórico de Padrón
GALICIA
Altura: 25,70 m
Perímetro normal: 3,47 m
Diámetro de copa: 14,40 m
Idade estimada: 100-150 anos

Documentos relacionados